CRTVG

Buscar

UXT e CCOO expoñen a Junqueras en prisión a urxencia do pacto progresista

Publicado o 04/12/2019 12:44
UXT e CCOO expoñen a Junqueras en prisión a urxencia do pacto progresista

Os secretarios xerais de UXT, Pepe Álvarez, e de CCOO, Unai Sordo, visitaron no cárcere ao líder de ERC, Oriol Junqueras, que cumpre condena por  sedición, e a quen trasladou a necesidade de que se conforme un Goberno progresista que avance en políticas sociais.

Ambos os sindicatos confirmaron que Pepe Álvarez visitou a Junqueras o xoves pasado na prisión de Lledoners en Barcelona, mentres que Sordo acudiu o pasado luns a entrevistarse co líder de ERC, formación cuxos votos son clave para que Pedro Sánchez poida ser investido presidente do Goberno.

Desde UXT explican que o encontro estaba en axenda desde antes das eleccións do 10 de novembro e lembran que Pepe Álvarez xa visitou noutras ocasións no cárcere a Oriol Junqueras.

Fontes do sindicato sinalan que o obxectivo era trasladar cuestións sociolaborais -reforma laboral, pensións, precariedade do mercado de traballo ou salario mínimo- así como a necesidade dun pacto das forzas progresistas que permita un Goberno que poña en marcha políticas sociais.

O obxectivo, engaden, non era convencer da necesidade de pactar co PSOE e aclaran que non houbo "mandato nin indicación" desde o Goberno sobre este encontro.

Álvarez explicou ademais en senllas entrevistas en dúas emisoras de radio que o seu interese estaba en coñecer de primeira man as opinións de ERC ante un proceso como o que vive o país neste momento, e negou que acudise a pedir a Junqueras a súa abstención na investidura de Sánchez.

Segundo o secretario xeral de UXT, que se declara contrario á autodeterminación e a un referendo neste momento en Cataluña, o seu papel non é "pedir nada" nin tampouco de mediación, senón recalcar a necesidade dun pacto de forzas progresistas, entre as que inclúe a ERC porque "co seu voto pode cambiar leis que beneficien á maioría".

Desde CCOO tamén confirman o encontro de Unai Sordo con Junqueras este pasado luns e subliñan igualmente que non houbo indicación de ningún tipo desde fóra do sindicato.

O sindicato lembra, tal e como veñen reclamando desde hai meses, que a súa mensaxe pasa pola necesidade de contar cun Goberno progresista que avance en políticas económicas e sociais como a reforma laboral ou as pensións.