CRTVG

Buscar

Usuarios de Internet organízanse para comprar accións dunha empresa en videoxogos

Publicado o 28/01/2021 17:14

O primeiro protagonista, Gamestop, unha cadea especializada en videoxogos con máis de 5.000 tendas nos Estados Unidos e Canadá. Chegaron mesmo a ter tendas en España, pero o certo é que levaban anos en crise, dende que o dixital foi gañando mercado.

"Can fraco, todo son pulgas", así que entran en acción os viláns da historia: os fondos de bolsa que gañan cartos apostando á baixa.

O plan estaba funcionando, e o valor baixa, pero chega un inesperado xiro de guión. Os salvadores desta historia, uns dous millóns de usuarios dun foro online, comezan a comprar accións en masa.

Comeza a revolución, e a ela súmanse figuras recoñecidas como Elon Musk, nin máis nin menos que o home máis rico do mundo. As accións multiplicaron por dez o seu valor na última semana, e seguen subindo.

O final da historia aínda está por escribir, pero de momento os fondos baixistas están perdendo milleiros de millóns de dólares.

Noticias web

28/01/2021