Usuarios da liña de autobús Ferrol-A Coruña reclaman un servizo digno
Usuarios habituais do servizo de autobús entre Ferrol e A Coruña reclaman un transporte público digno.
Mapy Rodríguez Venancio, presidenta da asociación de veciños de Caranza di que "a conexión con Ferrol é malísima en todos os sentidos, e se o único bo que tiñamos era un servizo directo á Coruña cada hora que duraba 35 minutos, de estación de autobuses de Ferrol á da Coruña, agora non se cumpre".
Vai facer un ano que cambiou a empresa concesionaria. Antes era Arriva e agora é Monbus. Mudaron horarios e percorridos a peor, segundo os usuarios.
Teresa Vázquez, da Plataforma de usuarios e usuarias afectadas polo transporte público cre que "desde que entrou a compañía nova é un desastre, e cada día máis, porque agora en setembro cando acabou o teletraballo e se incorporaron os universitarios hai moita demanda, non son capaces de cubrir e queda moita xente en terra e non dan solucións".
Teresa é unha das impulsora da plataforma de afectados, unha iniciativa cidadá da comarca de Ferrolterra á que se sumaron varias asociacións de veciños porque, como ela, hai moita xente que ten que viaxar a diario á Coruña.
Rosa María Fernández conta que "o venres pasado había tanta xente que o autobús da unha e media deixounos a unhas vinte persoas fóra. Quedamos sen servizo e ata as dúas e media da tarde non saíu outro".
"O prezo variou, si, agora é moito máis barato, pero non o queremos. Non me importa pagar o que pagaba, quero servizo, veño traballar e necesito servizo para vir traballar", din desde a plataforma de afectados.
"Reivindicamos que se cumpran os pregos de condicións que a Xunta sacou para a concesión deste servizo", esixen desde a asociación de veciños de Caranza.
Onte ao serán concentráronse diante da estación de autobuses de Ferrol. Piden que se restablezan os buses específicos que había para os estudantes ou os funcionarios, para evitar unha peregrinación de paradas que fai que a viaxe entre as dúas cidades chegue a durar hora e media como hai tres décadas.