CRTVG

Buscar

Uns ocupantes ilegais teñen atemorizados os veciños dos Mallos, na Coruña

Publicado o 06/08/2021 14:16

Roubos, pelexas, ameazas con coitelos, ruídos... isto é co que teñen que convivir, día si e día tamén, os veciños da rúa Noia, no barrio coruñés dos Mallos. Din que os problemas comezaron coa ocupación desta vivenda en outubro do ano pasado. O medo é tal que moitos dos afectados non quixeron falar á cámara.

José Salgado, da Asociación de Comerciantes dos Mallos, di que no interior hai moita xente, que son moi alborotadores , que pelexan entre eles e que rouban á xente da zona. Unha das veciñas asegura que lle intentaron roubar dúas veces e que a outra señora maior da zona tirárona ao chan para intentar roubarlle o bolso. Moitos din que teñen medo a andar por esta zona cando comeza a anoitecer.

No edificio ocupado viven preto dunha ducia de persoas que foron desaloxadas previamente dun baixo na rúa Fleming. Os veciños, fartos da inseguridade e dos problemas de convivencia, piden solucións.

José Salgado, presidente da Asociación de comerciantes dos Mallos, di que ten que haber algún recuncho legal para poder desaloxalos da vivenda, porque o problema estase enquistando.

A presenza policial na zona é continua, pero non é suficiente. Os veciños queren que os boten e que tapien a vivenda, polo ben do barrio e dos propios ocupantes. No mes de maio, un dos mozos que ocupaban a vivenda faleceu ao precipitarse dende a azotea do edificio.

Noticias web

06/08/2021