CRTVG

Buscar

Uns graffiti xigantes homenaxean en Lugo os pais do himno galego

Publicado o 29/06/2020 14:26

Elevar o himno galego á categoría de arte urbana. Iso foi o que fixeron os integrantes da compañía luguesa Concepto Circo nestes murais que renden homenaxe a Eduardo Pondal e a Pascual Veiga 130 anos despois de que compuxesen o poema "Os Pinos" e a súa partitura respectivamente.

Os graffiti son xigantes, dos de maior dimensión de toda a cidade de Lugo, e con iso os seus autores tiveron que comprobar de forma constante as proporcións destes retratos que ilustran os laterais dun novo ascensor na avenida das Fontiñas.

"Como é unha obra tan grande, todo o traballo previo que implica levounos moito máis tempo que a execución dos retratos en si, que se prolongou durante un par de días. Ten moito traballo previo, o que é preparar a idea, os bosquexos, os materiais, preparar os muros, limpar a zona, máis previas de pintura plástica, etc. Iso si que nos deu moito traballo", dinos Marcos Pereira, artista urbano.

Para plasmaren sobre os muros as imaxes do bardo e do compositor do himno, os artistas decidiron trocar os retratos decimonónicos en branco e negro por estampas de cores vivas, máis acordes coa arte urbana do século XXI. Ademais, reproduciron en cada chanzo os versos d'Os Pinos.

"Ten que ser sempre en suba, e puxémoslles un pouco de distancia entre si para facilitar a lectura. Que a xente lea comodamente o poema", asegura o artista urbano Manu Pallín.

"Nós pintamos graffiti e facemos realismo se é necesario. Xa que aquí nos deron liberdade, a idea era facer unha revisión coa utilización de técnicas e trucos que a nós nos gustan para facer unha renovación dos retratos. Que non fosen imaxes sacadas de arquivo, senón que fose unha revisión en que xogar co noso estilo propio e así adaptalo ao que cremos que é máis actual e ao que nos gusta máis pintar", sostén Marcos Pereira.

A obra é unha encarga do Concello de Lugo, que prevé propoñerlles aos autores novos traballos para colorear, a golpe de spray, outros muros da cidade.

Noticias web

29/06/2020