CRTVG

Buscar

Uns fogos descentralizados abren o Día de Galicia

Publicado o 24/07/2020 22:52

• Lanzáronse dende seis puntos de Compostela, xa que o risco de incendios obrigou a suspendelos en dous barrios | Deixaron o Obradoiro para evitar danos en monumentos e as aglomeracións

• Controlado un incendio rexistrado no parque Eugenio Granell tras os fogos

A Pirotecnia Zaragozana foi a encargada este ano dun espectáculo no que se empregaron 1.500 quilos de carga que se lanzaron nesta atípica noite do 24 de xullo.

A alameda, a Almáciga, o parque Eugenio Granell da Pontepedriña, o parque Luis Pasín de Conxo, o parque Carlomagno das Fontiñas e a Cidade da Cultura foron os 6 lugares desde os que se lanzarán os fogos do Apóstolo. Ante o alto risco de incendios quedaron suspendidos os puntos da Granxa do Sexto no Pedroso e o Monte de Deus en Vite.

O obxectivo desta decentralización foi evitar as aglomeracións de edicións pasadas en plena pandemia do coronavirus. Con todo, o Concello de Santiago xa decidira non lanzar os fogos dende a contorna do Obradoiro, xa que nas últimas edicións o espectáculo de luz e son estaba a causar desperfectos tanto na catedral coma no Pazo de Raxoi. 

Estableceuse, ademais, un perímetro de seguridade de 120 metros ao redor dos puntos de lanzamento, onde non se puido aparcar e os residentes destas zonas tampouco puideron entrar nin saír das casas entre as 11 e as 12 da noite.