CRTVG

Buscar

Preto de 18.000 adolescentes galegos recibiron a segunda dose de Moderna este sábado

Publicado o 18/09/2021 21:34

As ringleiras volveron este sábado aos centros de vacinación masiva. Era a quenda para que os menores de 12 e 13 anos puxesen a segunda dose de Moderna. E a resposta foi masiva, como se puido ver ás portas dos centros de vacinación.

Este domingo haberá unha nova oportunidade para que calquera persoa, independentemente da súa idade, poida vacinarse sen cita previa. Sanidade lembra que a nosa comunidade é a que ten máis porcentaxe de poboación coa primeira dose posta, máis dun 93 %. O obxectivo é rematar setembro co maior número de poboación coa pauta completa.

En Vigo, no Ifevi, este sábado xuntaron tres xornadas nunha. Por iso había rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos. En total 11.649 citados previamente. Na Cidade da Cultura, en Santiago, estaban citados 4.531 raparigos de 12 e 13 anos. E no recinto feiral de Pontevedra citaron outros 2.000 nenos entre os 12 e os 14 anos.

A fórmula de Moderna foi a que máis molestias causou o día en que os adolescentes recibiron a primeira dose. Con todo, hoxe apenas provocou incidencias nos puntos de vacinación galegos.

En Santiago, en Vigo e en Pontevedra había tamén unha porcentaxe de unidades de Pfizer e Janssen para os que solicitaran cita. O domingo en todas as áreas galegas dispensarán vacinas sen cita previa antes de comezar de cheo coa etapa das terceiras doses a inmunodeprimidos, pacientes oncolóxicos e anciáns.

Noticias web

18/09/2021