CRTVG

Buscar

21 mozos galegos regresan de Mallorca en barco tras dar negativo nas probas da covid

Publicado o 01/07/2021 15:26

• Saíron da illa cara a Valencia, nun grupo de 118 estudantes 

Volverán en autobús se volven dar negativo nos test

• En Galicia hai 157 casos relacionados co gromo mallorquín. Fan cribados en Lugo e Pontevedra para rastrexar contaxios

118 alumnos de viaxes de fin de curso que se atopaban en corentena en Mallorca polo gromo de covid-19 e que deron negativo nas probas abandonaron xa o hotel Bellver, onde estaban confinados desde o pasado sábado, para dirixirse ao porto e ao aeroporto da capital balear e abandonar a illa. 

Os mozos comezaron a saír ás 6:30 desta madrugada e preto das nove da mañá partían tres autobuses cara ao porto de Palma. Dende alí viaxan ata Valencia nun barco burbulla. Un cuarto atobús trasladou os estudantes ata o aeroporto. Cando cheguen á Península, a todos se lles realizará un test antes de iren para os seus domicilios. 

Os estudantes galegos que regresan son 21

Os estudantes galegos que regresan son finalmente 21 e non 12 como informaran as autoridades nun primeiro momento. A consellería de Sanidade confirmou esta mañá a cifra de negativos que volven a Galicia. Estes mozos formaban parte do grupo de estudantes aloxados no hotel Bellver e que esta mañá se embarcaban nun ferri rumbo a Valencia.

Segundo explicou este xoves o presidente da Xunta, un autobús vai camiño de Valencia para recollelos, así como persoal sanitario e ambulancias. Os que dean positivo en probas de antíxenos ou PCR á súa chegada ao porto non poderán viaxar no autocar.

A espera da chegada destes mozos, e das probas que se lles van realizar, nestes momentos hai en Galicia 157 casos confirmados co gromo causado en Mallorca relacionado con viaxes de fin de curso.

Traxecto nun barco burbulla 

Ás dez da mañá saía do porto de Palma o barco con 118 mozos e a súa chegada a Valencia está prevista para as cinco da tarde. O traxecto realízase nun grupo burbulla dentro do barco, separado do resto e van acompañados por dúas enfermeiras e un técnico sanitario.

Confirmados 77 contaxios entre os confinados

Tres estudantes máis deron positivo nas últimas horas e súmanse a outros seis detectados o mércores pola tarde; xa son 77 os contaxios confirmados entre os 249 estudantes que foron illados no hotel. Ningún deles poderá abandonar o recinto.

Noticias web

01/07/2021