Universitarios de Vigo crean un aparello para que os discapacitados falen
Estudantes de enxeñería da Universidade de Vigo crearon un aparello que facilita a comunicación ás persoas con discapacidades como a parálise cerebral. É un proxecto de fin de carreira, pero o acceso é aberto para quen o necesite. Están traballando para ampliar a súa utilidade.
Juan Abia empezou a idear un aparello que dese voz a discapacitados para facilitar a comunicación dun curmán, Carlos, con parálise cerebral desde neno, coa nai, tía de Juan. De feito foi ela quen lle pediu que o fixese como proxecto de fin de grao de Enxeñería Industrial, e a el sumaronse dous compañeiros da Universidade. Juan inspirouse no método Stephen Hawking, que sufriu ELA.
"Vale, é posible porque Stephen Hawking o fixo, pero o caso de Carlos é probablemente dos máis complexos, porque a maior parte dos movementos que fai son involutnarios,e non ten tanto control sobre os seus músculos como unha persoa con ELA", di Juan Abia.
Carlos ten que presionar unha bóla conectada á aplicación deseñada especificamente para él, para dicir si ou non.
"A presión neste sensor provoca unha resposta como un clic de ratón de ordenador clásico. Só hai que manter pulsado, e o ordenador fala. Queremos introducir pictogramas e entón Carlos poderá decir quero durmir, teño fame, quero seguir de festa ou teño sede", di Mateo González, estudante do máster de Enxeñería de Telecomuncacións.
Os creadores deste prototipo cren que ten moitas máis posibilidades e traballan para implementalas.
"Por un lado, un chase impreso en 3D para poder amarralo á cadeira de rodas de Carlos.
E outra idea é probar cuns electrodos que detecten cando Carlos quere facer forza, e entón sería moito máis sinxelo e máis cómodo de usar", engade Fernando Flores, tamén do Máster de Telecomunicacións.
Din que o aparello é facil de facer e que ten código aberto, é dicir, calquera pode acceder ao seu deseño, fabricalo e introducir variacións segundo as necesidades do receptor.