CRTVG

Buscar

Unidas Podemos ve "lonxe" o acordo de presupostos co PSOE

Publicado o 22/09/2021 20:44

Félix Bolaños segue buscando apoios aos presupostos para 2022. O ministro da Presidencia reuniuse este mércores con Bildu, o PNV e Ciudadanos, que xa lle adiantou a súa incompatibilidade absoluta coas contas. Pero o primeiro grande obstáculo non o vai ter o Goberno nos grupos minoritarios senón no seo do propio executivo. Unidas Podemos esixe fixar un tipo mínimo do 15 % no imposto de sociedades. A vicepresidenta do Goberno cre que é prematuro.

Para Nadia Calviño: "Estes cambios haberá que facelos unha vez teñamos os informes do grupo de expertos en febreiro do ano que vén, porque un goberno responsable ten que pensar moi ben nas consecuencias das súas decisións".

Ione Belarra, secretaria xeral de Podemos, discrepa: "Creo que para esperar a cumprir o acordo de Goberno non fai falla esperar a ver que din os expertos. Agora mesmo, o acordo de presupostos entre o Partido Socialista e Unidas Podemos está lonxe".

O presidente do Goberno non toma partido, pero mantén que acabarán entendéndose. Pedro Sánchez garantiu: "Vai haber presupostos, ímolos presentar en tempo e forma e van ter un obxectivo claro: o da recuperación económica xusta".

O Goberno mantén a súa intención de presentar o proxecto de presupostos entre finais deste mes e principios de outubro.

Noticias web

22/09/2021