CRTVG

Buscar

Unidas Podemos propón unha lei para regular o "rol" do rei

Publicado o 24/12/2020 13:32
Unidas Podemos propón unha lei para regular o "rol" do rei

Podemos anunciou que nos próximos meses vai rexistrar no Congreso unha lei para regular a transparencia nas contas da Casa Real. Queren que se lles prohiba aos seus membros ter contas no estranxeiro e tamén limitar o rol do monarca. A intención é que quede "máis claro" que o monarca non pode facer política nin perder o seu papel simbólico e protocolario de neutralidade.

Unhas horas antes de que Filipe VI pronuncie o seu tradicional discurso do Nadal, o presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, Jaume  Asens, dixo nunha entrevista en TVE que a futura lei debería regular por exemplo os discursos do monarca e "o que pode e non pode dicir" cando este intervén publicamente.

"Pódese ser monárquico perfectamente e estar de acordo en que debería existir, por exemplo, unha lei que regulase o que pode facer o rei e non, que dese máis transparencia e acabase cos privilexios e a opacidade dunha institución que non ten suficientes controis democráticos", asegurou Asens.

O tamén deputado de En Comú Podem puxo como exemplo o discurso que o rei pronunciou o 3 de outubro de 2017 tras a consulta do 1-O en Cataluña.

"Todo o mundo dicía que era un discurso que saíra máis da Zarzuela que da Moncloa. Para moitos, o rei estaba a facer política", censurou.

Asens revelou que o seu grupo leva tempo traballando nesa lei da Coroa.

"Confirmo que esa lei imos presentar no Congreso tarde ou cedo. Por un criterio de oportunidade non o fixemos agora", xustificou en alusión á pandemia do coronavirus, que puxo sobre a mesa-segundo dixo- outras prioridades.

Pero asegurou que a proposición de Unidas Podemos xa está "moi elaborada" e que el participou na súa redacción. O presidente do grupo parlamentario da coalición de Pablo Iglesias pediu así mesmo normalizar as discrepancias no seo do Goberno con respecto á cuestión da Monarquía, aínda que si dixo que aspira a que o PSOE estea de acordo en regular a actividade do monarca.

"Os cidadáns españois teñen dereito a saber onde vai cada euro dos seus petos destinado á Casa Real. Deberíase prohibir que o rei, mentres cobra un salario público polo seu papel institucional, poida facer negocios como intermediario ou ser comisionista aproveitándose do seu labor de xefe do Estado", recalcou Asens.

Ademais, pediu hoxe a Filipe VI facer "un xesto de autocrítica ou constrinximento" no seu discurso e que "rompa o seu silencio" sobre as actividades supostamente ilícitas do seu pai, Xoán Carlos I. E insistiu en que esta noite haberá moita xente que espera unha mensaxe contra a "secuela" da corrupción, xa que entende que o rei estivo "moito tempo calado". 

Noticias web

24/12/2020