CRTVG

Buscar

Unidas Podemos pide investigar no Congreso a Adif polos vagóns tirados

Publicado o 07/08/2020 12:24
Unidas Podemos pide investigar no Congreso a Adif polos vagóns tirados

O grupo parlamentario confederal Unidas Podemos-En Común Podem-Galicia En Común rexistrou unha iniciativa no Congreso solicitando unha investigación sobre a "grave neglixencia por parte de Adif", en relación coa súa suposta responsabilidade no destino de dous vagóns de tren que acabaron na marxe dereita do río Sil.

Na iniciativa, asinada polos deputados Juantxo López de Uralde e Antón Gómez-Reino, Unidas Podemos mostra a súa preocupación pola retirada dos vagóns e a restauración da zona afectada, desde un punto de vista ambiental, "dada a presenza de elementos contaminantes que contiñan os vagóns e que causarán un grave impacto no ecosistema", di a formación nun comunicado.

Así mesmo, consideran insuficiente a multa imposta pola Xunta á firma pública Adif, xestora das infraestruturas ferroviarias, tendo en conta "a grave neglixencia cometida" e "o elevado impacto para a zona".

Por iso, os deputados solicitan "unha investigación que determine e depure as responsabilidades polo lanzamento dos vagóns", e que "evite que algo así poida volver ocorrer".

A xuízo de López de Uralde, deputado verde de Unidas Podemos e presidente da comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Congreso, "o máis urxente a día de hoxe é recuperar os vagóns e restaurar a zona afectada".

Ademais, indica que é necesario investigar os feitos para determinar as responsabilidades porque "algo tan grave como o lanzamento duns vagóns a un río non pode rematar cunha multa; nin a natureza é un vertedoiro nin poden saír gratis os abusos contra ela", sostén.