CRTVG

Buscar

Unidas Podemos evita apoiar no Congreso a lei Zerolo impulsada polo PSOE

Publicado o 16/02/2021 20:37

O Partido Popular levou ao Congreso unha proposición de lei para castigar con penas de prisión a ocupación ilegal de vivendas e para desaloxar no mesmo día a quen entre nunha casa allea. Ana Zurita, do PP, di que "o primeiro é garantir o desaloxo, en 12 horas, primeiro voluntariamente e despois levando a cabo as determinacións da lei".

Para Rafa Mayoral, de Unidas Podemos, "é unha lei daqueles que entenden que chegou o momento da criminalización da pobreza". Eva Bravo, do PSOE, repróchalle ao PP que "o seu alarmismo é mera propaganda que vostedes crearon artificialmente para tratar de desgastar o Goberno".

Pero dentro do propio Goberno tamén se evidenciaron novas fendas. Foi no debate da lei de igualdade de trato e non discriminación. Beatriz Carrillo, do PSOE, defendeuna dicindo que "nunca xamais volveremos agochar a cabeza, nunca máis. Por iso esta lei é tan necesaria, unha lei integral, garantista".

A norma chegou ao Congreso asinada unicamente polo PSOE, e iso non gustou aos seus socios. Ismael Cortés, de Unidas Podemos, explicou que "o acordo era rexistrar a lei que hoxe debatemos de maneira consensuada e coa sinatura dos partidos que forman parte do goberno de coalición. Que os moveu a actuar desta maneira desleal con Unidas Podemos, o seu socio de Goberno, presentando esta lei de xeito unilateral?".

Por iso Unidas Podemos decidiu absterse, primeira vez que os aliados discrepan na votación dunha lei. A desavinza chega na mesma semana en que os de Pablo Iglesias presentaron unha ducia de emendas á lei do ingreso mínimo vital, impulsada polo Ministerio de Seguridade Social.

Noticias web

16/02/2021