CRTVG

Buscar

Unhas vivendas de Lugo levan semanas cun plástico por tellado á espera do permiso para un guindastre

Publicado o 22/06/2020 13:32

A comezos de maio un temporal levantara as chapas do tellado deste edificio da luguesa avenida Marqués de Ombreiro. A falta da concesión do permiso para instalar un guindastre de obra, dende aquela uns plásticos colocados na cuberta evitan que as vivendas afectadas se inunden cada vez que chove.

César Rodríguez, copresidente da comunidade de veciños: "Cando foi aquela especie de tornado, levantou as chapas e fíxoas rebolar por toda a rúa para arriba. Desde aquela viñéronas reparar con plásticos mentres non nos dea o Concello a autorización para poñer o tellado novo temos que retocalos para que non lles entre a auga aos veciños dos cuartos. Agora o único que nos queda é que o Concello nos dea axiña o permiso para facer a obra".

Os afectados xa teñen contratada unha empresa para reparar o cuberta do edificio, pero levan semanas esperando a resposta do Concello á petición do permiso necesario para instalar un guindastre de obra na vía pública. Os veciños reclaman, por tanto, que as autoridades municipais axilicen a tramitación da licenza debido á urxencia do caso.

Reclámanlle ao Concello que apresure as cousas. Nós apresuramos os traballos meténdolle o seguro para que nos sacase do problema de ter a ventá totalmente desfeita. Se o Concello non quere dar facilidades, eu non podo opinar sobre ese tema.

César Rodríguez, copresidente da comunidade de veciños: "O problema agora é para os veciños se chove. Temos a sorte de que de momento non vai chovendo e estamos aguantando a ver que pasa. Veu o seguro, que aceptou cubrir os danos do temporal e agora só queda que o Concello nos dea o permiso".

Os veciños máis afectados xa viron como se anegaron as súas vivendas en varias ocasións debido ao carácter precario dos plásticos que teñen por tellado.

Noticias web

22/06/2020