Unhas 40.000 persoas beneficiaranse do Bono Cultura
Tras ano e medio pechada, esta sala de concertos reabre as súas portas da man do jazz. Locais coma este sumaranse ao bono cultural e os clientes poderán beneficiarse de importantes descontos á hora de mercar as entradas. Aquí ven a iniciativa como un impulso.
"O sector está moi deteriorado e isto pode palialo dalgún xeito. Eu creo que mesmo debería implementarse, en Europa hai sitios onde os estudantes teñen este tipo de bonos", sinala Eloi Caldeiro, músico e xerente dunha sala de concertos.
As entradas para espectáculos como o cine ou o teatro tamén terán descontos da man deste bono que ademais se poderá gastar na compra de produtos audiovisuais en formato físico como videoxogos ou libros.
"Moi boa iniciativa para que a xente se anime a consumir, axudar o pequeno comercio e que eles se animen a ler", opina Vanesa Vila, empregada dunha libraría.
Os bonos serán de ata 50 euros e chegarán a 39.000 persoas, que xa agardan ansiosas por eles.
"A min todo o que sexa reactivar a economía paréceme estupendo. É outro colectivo que sen ser comercio tamén sofre as consecuencias da pandemia". "Paréceme estupendo. A cultura é moitas veces a esquecida nos orzamentos das institucións e ten que estar moi achegada á cidadanía", di a xente na rúa.
O período de validez será do 1 de novembro ata o 31 de decembro, meses de música, lectura e agasallos culturais.