CRTVG

Buscar

Unha xuíza anula o testamento polo que unha coidadora se fixo herdeira dunha anciá compostelá con alzhéimer

Publicado o 28/04/2021 14:08

O avogado da familia de Asunción Lucas mostra a nova sentenza relacionada co preito que manteñen con Josefa Garrido Sampedro, a coidadora que tivo esa veciña de Santiago. A asistenta lograra que Asunción, enferma de alzhéimer, asinara ante notario para deixala de herdeira.

Roberto Goris Míguez, letrado da familia Lucas: "O que fixemos foi instar a nulidade de dúas escrituras notariais, para intentar recuperar algún dos bens que quedaban aínda, que non foran espoliados, digamos, que quedaban aínda no patrimonio da anciá e, sobre todo por unha cuestión de dignidade e de resarcimento moral da familia neste tema. Solicitamos a nulidade e a xustiza en primeira instancia dános a razón e declara a nulidade do testamento, ao entender que Asunción, a señora, non tiña capacidade para os documentos notariais que outorgou".

É un xiro novo nun preito que leva oito anos, en que a Audiencia Provincial condenou a acusada de estafa a seis anos de cárcere e logo o Supremo revogou esa sentenza. Agora, na vía do social, se a Audiencia ratifica a sentenza de primeira instancia, os dereitos da herdanza de Asunción Lucas cambiarán de destinatario.

"A familia volvería ser herdeira, varios membros da familia. Pero, reitero, non é tanto unha cuestión de recuperar os bens, senón de recuperar a figura de Asunción e facerlle un pouco de xustiza", di o avogado, Goris Míguez.

O avogado di que a sentenza da xuíza do social é brillante e agarda que, en caso de que sexa recorrida, a ratifique a seguinte instancia xudicial.