CRTVG

Buscar

Unha xenialidade de Monaghan dálle a vitoria ao Leyma fronte ao Palencia

Publicado o 06/12/2020 20:16

O Leyma segue fimra na zona alta da táboa clasificatoria da LEB Ouro logo dunha apuradísima vitoria diante do Palencia, que decidiu unha xenialidade de Zach Monaghan case sobre a bucina. O partido disputouse en Riazor onde, por primeira vez nesta temporada, puideron xuntarse uns 500 espectadores.

O partido comezou ben para o Leyma, cun 9-2 de saída e cunha defensa abafante, o seu sinal de identidade. Salientou no equipo laranxa o bo inicio de partido de Javi Vega, un xogador que chegou da ACB coa vitola de estrela e que ata o momento estaba lonxe do rendemento agardado.

Ao descanso, o Leyma gañaba por dez puntos de diferenza, 37-27. Saíu decidido a asegurar a vitoria no terceiro cuarto, en que lle permitiu ao Palencia anotar só dous puntos en cinco minutos. Non foi suficiente. Os casteláns mantivéronse en partido, sobre todo tras a lesión de Peciukevicius. Un bo inicio de último cuarto dos visitantes, cun 0-7 de parcial, deulles opción de remontar. Apareceu o veterano base Dani Rodríguez e Aitor Zubizarreta e Borovnjak achegaron puntos importantes.

Sergio García tivo que parar o partido cun tempo morto, en que amosou o seu enfado con varios xogadores. O Palencia chegou a colocarse a cinco pero daquela apareceu Monaghan, cunha espectacular tripla afastada, para darlle un respiro aos seus. Obtivo resposta do veteranoi Richotti. Tamén desde o perímtro minimizou a diferenza galega a só catro puntos.

Pero a remontada plentina foi máis aló, ata o empate a 64, grazas a unha canastra de Dani Rodríguez. Incluso Richotti tivo o balón para gañar pero recibiu un tapón. Quedaban uns segundos para evitar a prórroga e Zach Monaghan aproveitounos á perfección. Anotou unha fermosa canastra por elevación case sobre a bucina que valeu unha vitoria, importantísima para seguir na zona de privilexio da clasificación.

Noticias web

06/12/2020