CRTVG

Buscar

Unha vítima de violencia machista pide protección ante a saída do cárcere do agresor

Publicado o 23/06/2021 14:20

Noelia vive estes días con moito medo ante a posibilidade de que o individuo que a quixo matar hai seis anos volva intentalo. O seu carácter afable e riseiro pode disfrazar, pero non evitar, a súa angustia desde que soubo que o seu agresor sae do cárcere. Considera insuficiente o contacto telefónico que periodicamente lle fai a policía ante o que lle vén enriba.

"Mañá sae de prisión durante quince días. Vai estar a dez minutos da miña casa e non teño nada (de protección). A policía, a Garda Civil ou o que sexa, que estea axudándome a vivir cun pouco menos de medo. Necesito que esa persoa veña vixiada e necesito estar protexida", di Noelia Míguez Vázquez.

Insiste esta veciña de Boqueixón en que ten dereito a vivir con tranquilidade despois do que sufriu hai agora seis anos cando convivía co individuo que quixo acabar con ela.

"Deume unha malleira e oito coiteladas. Tentou asfixiarme. Fíxenme a morta e libreime desa persoa, porque me fixen a morta e salvei a vida así", afirma Noelia.

Como consecuencia daquelas feridas quedáronlle problemas físicos para sempre. Ante a nova situación que afronta, co agresor solto e preto, a única axuda chegou do seu Concello.

O CIM municipal comunicou a urxencia á Cruz Vermella que, hai unhas horas a incluíu no servizo de atención e protección específico para vítimas de violencia machista: "Unha situación de angustia, temor, medo que non sabes como afrontar. Es a vítima, pero tes que aprender que tes que ter medo toda a vida. E tes que aceptar e que tes que vivir con medo por algo que ti non fixeches, ou aprender que como a xente non ve por fóra que ti teñas medo, pois aparentas ser unha persoa normal. E tes que vivir co medo e que, por riba, a xente te critique", explica Noelia.

Engade Noelia que o peor que lle pode pasar a alguén é vivir con medo, porque non vives.

Noticias web

23/06/2021