CRTVG

Buscar

Unha vintena de plantas do HULA compiten nun certame de decoración do Nadal

Publicado o 04/01/2019 17:09

Uns ovos de dragón, un trono de ferro e o lema 'Christmas is coming' indican que Xogo de Tronos é a temática elixida pola unidade de Dixestivo do Hospital Lucus Augusti para participar no certame de decoración de Nadal. A súa proposta, para a que non escatimaron en detalles, é unha das favoritas para gañar o concurso.

Ana Hernández, supervisora da Unidade de Dixestivo do HULA: "Traballamos fóra do horario de traballo, ata as once da noite, todo o equipo, médicos, enfermeiras e auxiliares. Participaron tamén outras unidades, coma Farmacia, e conseguimos este decorado tan nadaleiro, tan logrado e que nós gozamos moito".

Outra das favoritas para gañar este certame é a proposta da unidade de Partos, onde os Reis Magos son unhas cegoñas. Pola súa parte, na unidade de Pneumoloxía optaron por converter o corredor nunha rúa comercial do recinto histórico da cidade. Non faltan detalles coma as luces de Nadal, as árbores ou os farois.

Ángeles Fandiño, supervisora da Unidade de Pneumatoloxía do Hula: "Decidimos facer unha rúa de Lugo, coa muralla e cunhas árbores. As portas son os comercios. Puxéronse as luces e en cada porta hai os comercios máis emblemáticos".

O certame, que se celebra por quinto ano, está organizado polo Servizo de Humanización do Hula. O seu obxectivo é facerlles máis levadeira a estadía aos pacientes, como fixeron na unidade de Oncoloxía con esta árbore confeccionada con materiais reciclados.

Isabel Rodríguez, supervisora da Unidade de Oncoloxía: "Nestas datas que tenden a ser tristes, que os pacientes que teñen a mala sorte de ter que estar aquí que vexan un pouco de alegría e que tamén se vexan integrados e facer un pouco de equipo".

Ademais dos adornos de cada planta, no vestíbulo do hospital lugués non falta a decoración propia destas datas.

Noticias web

04/01/2019