Unha tripla de Rafa Mir mete á selección de fútbol nas semifinais dos Xogos
O dianteiro Rafa Mir foi o nome propio da vitoria da selección española de fútbol diante de Costa de Marfil nos cuartos de final.
España estaba eliminada no minuto 93 de partido pero Mir logrou o empate que levaba o partido á prórroga. Nese tempo suplementario un gol de Oyarzábal de penalti e dous máis de Rafa Mir sentenciaron cun 5-2 que non amosa o gran sufrimento da selección española.
Costa de Marfil sempre foi por diante no partido. Bailly marcou aos tres minutos e Dani Olmo empatou antes de ir ao descanso. O partido era de dominio español pero no 91 Gradel poñía o 1-2 e deixaba a España eliminada. Pero dous minutos máis tarde Rafa Mir estivo providencial para levar o partido á prórroga. A historia do tempo suplementario foi outra, cun claro penalti transformado polo infalible Oyarzábal e con Mir sentenciando á contra.