A chuvia e o vento deixan estragos en boa parte de Ourense e no sur de Lugo
Unha forte tormenta de choiva e vento afectou na tarde deste luns ao sur de Ourense, especialmente nas comarcas da Limia e Monterrei, onde se rexistraron numerosas incidencias e danos en vivendas, coches e mobiliario urbano.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informa de que o episodio meteorolóxico se inciou arredor das catro da tarde deste luns e afectou especialmente ao sur da provincia ourensá. Rexistraron múltiples chamadas alertando de desprendementos de fachadas, caídas de árbores e outros danos causados polo forte vento.
En Verín un vento moi forte levantou o tellado dun edificio de oito pisos. Foi en cuestión de segundos. O vento arrincou os paneis do tellado e guindounos contra o chan. Unha cámara captou o momento preciso en que isto ocorría. Foi ao redor das catro da tarde. O edificio, o segundo máis alto de Verín, está situado nunha zona céntrica, no acceso á estrada de Laza.
Afortunadamente, non houbo danos persoais, malia que os cascallos se precipitaron contra a beiravía, ás portas dunha farmacia e doutros edificios de vivendas. A treboada durou pouco máis de dez minutos, pero deixou danos importantes, con refachos de vento próximos aos 100 quilómetros por hora. Á parte deste, houbo outros tellados afectados, arrincou tamén o valado da zona deportiva da Granxa, e árbores caídas por todas partes, segundo confirmaba o alcalde da vila, Gerardo Seoane.
En Xinzo de Limia, os efectivos dos bombeiros, policía municipal e Protección Civil traballan para retirar as árbores que caeron sobre as estradas da localidade. Así, ao seu paso pola zona, a tormenta deixou ventos que se achegaron aos 100 quilómetros hora, segundo os datos de Meteogalicia.
En Xinzo de Limia cortado o acceso a A-52 a altura da estación de Petrolimia, e da estrada de Paredes (estrada a Cualedro) e N-525 altura do Instituto. Chapas na Avda. de Celanova.
Están no punto a traballar Bombeiros do Parque da Limia e a Avpc Xinzo de Limia. pic.twitter.com/SDrAfXILL9
— OVoluntariadoPCOurense (@OVoluntariadoOU) May 4, 2020
Un tempo moi cambiante, cunha calor pouco habitual no norte e fortes treboadas na metade sur. Día de contrastes hoxe en toda Galicia. Ao sol e ás elevadas temperaturas que rozaron os 30 graos na Mariña lucense, sucedérono as chuvias, vento e treboadas.
• Contabilízanse 166 incidentes entre as doce e as seis da tarde
Segundo recolle Meteogalicia, os refachos de vento chegaron a superar os 100 quilómetros por hora en varios puntos da provincia de Lugo, Ourense e tamén no norte da Coruña durante o paso da tormenta.
Na zona de Cabeza de Manzaneda, en Ourense, identificáronse refachos de 111 quilómetros/hora e tamén se superaron os 120 quilómetros no norte de Galicia. En total, os servizos de emerxencias de Galicia contabilizaron no tramo comprendido entre as doce e as seis da tarde, 166 incidentes, a maioría na provincia de Lugo (105 incidentes), seguida da provincia de Ourense (43 incidencias), A Coruña (10 incidencias) e, por último, Pontevedra, con oito.
Ademais, o 112 CAE Galicia recolleu a caída dun tellado do instituto situado en Monforte de Lemos, que caeu no mesmo recinto, e outro veciño alertou de que o vento levou por diante “parte da estación de autobuses”.
A iso das catro, boa parte da Galicia interior, escureceu repentinamente. Foi durante pouco tempo, uns quince minutos, pero moi intensos. Apenas houbo lóstregos, pero a chuvia e o vento bateron con tal forza que deixaron estragos coma os que están a ver por boa parte da provincia de Ourense e sur de Lugo. O vento superou en Xinzo, Verín, Maceda e Monforte, os 90 quilómetros por hora.
Estas imaxes rexistráronse durante a tarde en Monforte de Lemos https://t.co/5aXAOUieTw pic.twitter.com/YHIzgwvFRP
— G24 (@G24Noticias) May 4, 2020
Árbores caídas na estrada na Pobra do Brollón https://t.co/PgHK7Wco76 pic.twitter.com/YxWnnkooFh
— G24 (@G24Noticias) May 4, 2020