CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Unha tenda da Coruña restaura bicicletas antigas

Publicado o 10/02/2018 21:31




O retro está de moda, tamén nas bicicletas. Na Coruña, unha tenda especializouse en restaurar bicis antigas, algunhas centenarias. O negocio leva aberto tres anos e nos últimos tempos notou un incremento na demanda que ten moito que ver coa nostalxia, pero tamén coa moda "vintage".

Na pequena tenda de João seguen moi presentes os recordos dunha infancia vivida entre rodas, ferramentas e accesorios. O taller familiar no Porto é o alicerce de BiciVintage, un comercio asentado no centro da Coruña e especializado na recuperación de bicicletas antigas. En cada proxecto João inviste horas de traballo para documentar a procedencia da bicicleta e para atopar as pezas orixinais. Na zona de taller o tempo transcorre sen présa. O prazo de entrega adoita ser de tres meses.

Son bicicletas con historia e personalidade. Un imán para nostálxicos, pero tamén para os que seguen as tendencias en moda e deseño. O "vintage" vende.

A tenda leva tres anos aberta. Máis de duascentas bicicletas teñen unha segunda vida grazas Ás mans artesás de João. O prezo da restauración oscila entre os 300 e os 3.000 euros.

Na tenda hai bicicletas antigas orixinais a partir dos anos 20. Xoias únicas que agardan a que alguén entre e quede prendado delas.