CRTVG

Buscar

Unha ruta xacobea marítimo-fluvial segue a pegada do Apóstolo desde a ría de Arousa ata Pontecesures

Publicado o 25/08/2021 22:06

Saímos de Vilagarcía cara a Pontecesures seguindo a pegada dos restos do apóstolo Santiago e atravesando paraxes naturais tan espectaculares como o arquipélago de Cortegada ou os lombos do Ulla. A perspectiva dende o mar cambia por completo a nosa idea das paisaxes nunha singradura aínda moi descoñecida que se chama Traslatio.

As torres de Catoira conforman unha das paradas monumentais máis vistosas. A guía turística lembra como os viquingos chegaron ata aquí na procura dos posibles tesouros que podía traer consigo o Apóstolo. E imos vendo parte dos 17 cruceiros que forman o único viacrucis marítimo-fluvial do mundo.  

A travesía pode facerse como parte da ruta xacobea, pero tamén como unha excursión turística que sorprende a estranxeiros e galegos.

Ao igual que os restos do Apóstolo, o viaxeiro pode continuar camiñando ata Santiago, e se non volver navegando ata Vilagarcía ou quedar visitando Padrón e Pontecesures. Unha ruta que mestura o noso patrimonio natural e cultural dun xeito moi agradecido e didáctico.

Noticias web

25/08/2021