Unha rúa da Coruña leva seis días pechada tras o desprendemento de parte da fachada dun inmoble

Na Coruña, continúa pechada ao tráfico a rúa afectada polo desprendemento de parte da fachada dun inmoble e así leva xa seis días, sen que polo momento se saiba cando se vai poder volver a utilizar. Aínda que aparentemente poida parecer unha rúa pequena, é moi empregada, xa que facilita conexión entre Catro Camiños e a entrada cara ao centro da cidade, no treito final da Avenida de Alfonso Molina.
De aí as queixas dos usuarios, porque polo momento tampouco se sabe aínda cando se vai reabrir. O que si fixo xa o Concello foi trasladar un requirimento aos propietarios do inmoble para que de maneira urxente acometan os traballos necesarios para poder aseguralo. Lembremos que, por sorte, a caída de parte da estrutura sobre a vía ao ceder a rede de protección que tiña sobre a fachada tan só deixou danos materiais.
En caso de que os propietarios non actúen de maneira inmediata, será o Concello quen o faga de forma subsidiaria, para despois trasladarlles o custo dos traballos. A raíz deste suceso, a asociación de veciños de Catro Camiños reclama por parte do Concello un control dos inmobles ruinosos. Din que na zona hai moitos e corren o risco de que en calquera momento poida producirse unha desgraza.