Unha rosca de pan galego aspira a ser o mellor pan de España, en Madrid
O pan ten cada vez máis recoñecemento na alta cociña. Este ano protagonizará por primeira vez un apartado especial no foro Madrid Fusión. E aí é onde un pan galego aspira a converterse no mellor de España.
Guillermo Moscoso é un dos seis panadeiros españois seleccionados para un certame do foro gastronómico Madrid Fusión. A proposta que vai levar para que o xurado a valore esta tarde é esta, o pan do río, unha das receitas tradicionais desta saga de panadeiros composteláns.
Este tipo de rosca en concreto está feita cunha mestura de trigo de Castela e trigo do país, cultivado na Limia e moído en muíño tradicional, para que a moenda sexa lenta e manteña o xerme do gran. O extra de auga que leva e unha fermentación de 24 horas danlle unha textura que Guillermo considera que é a mais axeitada para o que se pide neste caso, que ligue moi ben cun bo xamón.
Non sabe exactamente como vai ser a proba á que se vai enfrontar esta tarde. Pero o que si sabe xa é que, sexa cal sexa o resultado do concurso, este primeiro evento da panadería en Madrid Fusión servirá para poñer o pan galego no lugar que lle corresponde.