CRTVG

Buscar

Unha residencia de Leganés suma 43 falecidos desde o 15 de marzo

Publicado o 30/03/2020 16:27

De dramática pode cualificarse a situación nunha residencia de maiores en Leganés. Alí son xa 43 os falecidos dende o pasado 15 de marzo.

Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias levan todo o sábado e domingo desinfectando esta residencia de maiores. Situada en Leganés Norte e con capacidade para 266 residentes, neste centro foron rexistrados ducias de contaxios. A anguria das familias levou a algunhas delas a levar os seus parentes malia asumir os riscos de contaxio.

En 15 días, dende mediados de marzo, morreron neste xeriátrico 43 anciáns e en tan só dous días o número de mortes chegou a 12. Onte, en non máis de hora e media falecían tres persoas. 

Madrid segue sendo a máis afectada pola pandemia do coronavirus, con 24.090 casos confirmados e 3.392 mortos. A comunidade ultima os preparativos para habilitar un novo gran depósito de cadáveres que sumar ao xa saturado do Palacio de Xeo. Estas son as obras nas instalacións da Cidade da Xustiza, concretamente o edificio aínda non inaugurado que vai ser a sede do Instituto de Medicina Legal.

 

 

 

 

 

 

Noticias web

30/03/2020