CRTVG

Buscar

Sete positivos nun centro de discapacitados de Santiago que completara a vacinación

Publicado o 04/02/2021 20:01

• Política Social di que entra dentro da normalidade porque non pasaron os sete días necesarios para a inmunización

Sete positivos nun centro de discapacitados de Santiago que completara a vacinación

Un gromo de coronavirus nunha residencia de persoas con discapacidade de Aspas en Laraño, en Santiago de Compostela, afecta seis usuarios e un traballador que recibiron a segunda dose da vacina o pasado xoves, 28 de xaneiro.

O xerente da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspas), Javier García, explica que os seis usuarios foron desprazados ao Cegadi, o centro compostelán que agrupa infectados de residencias de diversos puntos de Galicia.

O mércores deu positivo un dos traballadores no test de saliva que se realizan semanalmente en Aspas. Así mesmo, ese mesmo día, un dos usuarios "tivo febre", o que "fixo saltar as alarmas".

Realizáronse as probas aos 35 usuarios do centro residencial Juan Vidán Torres de Laraño, o que deu seis PCR positivas este xoves. Só unha destas persoas ten febre, mentres o resto está asintomático. Todos están "ben de saúde".

Aspas tamén conta con outro centro en Santiago, en San Marcos, pero nese caso non hai ningún contaxio rexistrado. Aquí, a vacinación tamén se completou o pasado 28 de xaneiro.

"Aguantamos moito, pero ao final tocounos", lamenta Javier García. Espera que os afectados "sigan ben de saúde" nos próximos días.

Pola súa banda, a Consellería de Política Social explíca que o feito de que se contaxiaran persoas coas dúas doses inxectadas da vacina "entra dentro da normalidade", ao non pasar os "sete días" necesarios para a inmunización.

Salienta que a segunda dose se completou o 28 de xaneiro. Ao dar agora positivo, o habitual é que ese contaxio se producise arredor de cinco días antes.

 

Noticias web

04/02/2021