CRTVG

Buscar

Produtores que non forman parte da DO Ribeira Sacra aparecen por erro como tal nunha guía internacional de viños

Publicado o 18/05/2020 21:50

A guía Robert Parker é a máis coñecida e influente no mundo do viño e as súas puntuacións son moi tidas en conta nos mercados. Porén, na última valoración cometeron un erro, xa que incluíron como produtores de Ribeira Sacra adegueiros que traballan nestes viñedos, pero sen acatar as normas do Consello Regulador da Denominación de Orixe. Isto pode supoñer, segundo o Consello, un agravio cara aos adegueiros e viticultores que si están dentro da denominación, que son a inmensa maioría, e que contribúen todos os días a manter a imaxe da Ribeira Sacra.

"Só o Consello garante que os viños que se fan aquí son conformes as pautas da denominación de orixe. Hai outros proxectos pequenos que aproveitan o noso tirón, pero ese non é viño Ribeira Sacra".

Dende o Consello lembran tamén que os regulamentos son moi flexibles e permiten facer dende rosados a espumosos ou barricas, ademais dos tradicionais novos. Din, ademais, que os viños non adscritos á Denominación de Orixe só poden etiquetarse coa figura legal de viños de mesa. Por outra banda, cren que ao longo do verán poderán recuperar parcialmente as vendas que perderon durante o confinamento e xa traballan en proxectos fiscais e técnicos para que as adegas non queden sen comercializar os seus produtos.

Noticias web

18/05/2020