CRTVG

Buscar

Unha policía mata un mozo negro en Mineápolis tras confundir a pistola eléctrica cunha de fogo real

Publicado o 12/04/2021 21:58

A morte do afroamericano Daunte Wright durante unha parada de tráfico preto de Mineápolis (Minesota, EUA) foi "accidental", dixo este luns o xefe de policía Tim Ganno. Segundo Ganno, a policía branca que disparou contra Wright quería usar unha pistola eléctrica coñecida como Taser para inmobilizalo, pero confundiuse e disparou coa súa arma de fogo. "Isto foi unha descarga accidental que resultou na tráxica morte do señor Wright", asegurou Ganno, que dirixe o departamento de policía de Brooklyn Center, unha cidade residencial de 30.000 habitantes ao noroeste de Mineápolis, onde se produciu o incidente.

Na conferencia de prensa mostrouse un vídeo do suceso en que se ve como tres axentes aproxímanse ao vehículo de Wright, un deles tenta esposalo, pero Wright resístese, empeza un forcexo e, entón, a policía saca a súa pistola e grita a modo de aviso: "Taser! Taser! Taser!". Óese un disparo e entón a axente exclama con sorpresa e di: "Dispareille".

Os policías pararon o vehículo porque non tiña algúns papeis en regra, pediron a identificación a Wright e déronse de conta de que tiña unha orde de arresto pendente, polo que tentaron detelo. Foi entón cando o home tentou volver meterse no vehículo e recibiu un impacto de bala.

A morte de Wright provocou onte á noite fortes protestas, que se converteron en violentas nalgúns lugares co lanzamento de pedras e outros obxectos contra o departamento de policía de Brooklyn Center. Para dispersar os manifestantes, a policía usou gas lacrimóxeno e balas de goma, mentres que as autoridades decretaron o toque de queda. 

Noticias web

12/04/2021