Morre unha muller de 84 anos nun accidente de tráfico en Cerdedo-Cotobade
Unha muller de 84 anos faleceu esta mañá nun accidente no concello pontevedrés de Cerdedo. O coche en que viaxaba bateu cun camión motobomba. A filla da vítima e o condutor do coche quedaron feridos.
Unha persoa morreu nun accidente de tráfico no concello de Cerdedo-Cotobade. O accidente foi diante da piscifactoría de Carballedo ás 9:15 na estrada PO-233, quilómetro 11, entre Carballedo e Pontevedra, á altura da citada piscifactoría. Colidiron un turismo e un camión motobomba.
Quedaron atrapados os tres ocupantes do turismo, entre eles a persoa falecida. Dos outros dous, un foi trasladado xa ao hospital e ao terceiro estano atendendo no lugar. Interviñeron os bombeiros do Salnés, que os tiveron que sacar do habitáculo.
Á parte dos bombeiros do Salnés foron Protección Civil, Garda Civil de Tráfico e tamén alertaron o GES da Estrada e os bombeiros de Pontevedra.