CRTVG

Buscar

Unha parella ofrécese a acoller no seu fogar a muller que vive no coche tras un desafiuzamento

Publicado o 05/02/2021 14:18

Jorge recíbenos na súa vivenda de Barrantes, Ribadumia, onde nos conta que vive coa súa parella. Chamounos despois de ver no Galicia noticias de onte a historia de Carmen Seoane, a padronesa que vive no seu coche logo de ser desafiuzada. Jorge, que di coñecer en carne propia o que é quedar sen fogara, decidiu facerlle sitio na casa a Carmen. E, coa nosa mediación, así llo contaba.

Jorge Veiga fala por teléfono con Carmen Seoane para ofrecerlle a súa vivenda: "Ofrézolle unha cama, un teito, non durmiría vostede no coche como está a durmir e tería un prato de comida, disporía dun baño. E aínda que estea coa miña parella, pois non hai problema. Habería tranquilidade, eu son unha persoa moi sociable. Teño unha leira, onde boto pementos, tomates... É o que lle podo ofrecer canda a miña parella, ata que a súa situación se poida poñer ben".

Neste primeira conversa, Carmen amosouse moi agradecida pola proposta de Jorge, que lle proporcionou o seu número de teléfono.

Carmen Seoane afirmaba onte que leva buscando onde vivir, pero que non atopaba, polo que estaba a durmir no coche, segundo dixo, que é tamén onde ten as súas pertenzas.

Onte foi Jorge quen viu a imaxe e expresión da muller, que suscitou a súa solidariedade. Agora Carme tamén sabe máis de quen lle ofrece acubillo, segundo nos dixo, altruistamente, en Barrantes. Quedaron en volver falar.

Noticias web

05/02/2021