CRTVG

Buscar

Unha parella de Valdeorras comparte as súas sesións musicais con fogares de medio mundo

Publicado o 08/04/2021 14:41

Desde unha aldea dunha ducia de veciños, chegan a medio mundo coas súas sesións musicais. Falamos dunha parella de Valdeorras que, ao ter que pechar o seu pub pola pandemia, se reconverteu en picadiscos a domicilio. Retransmiten por streaming e teñen milleiros de seguidores.

A sesión improvisada de hoxe, a primeira hora da mañá dun día de semana, colleu por sorpresa os seus Danzolowers, como lles chaman aos seguidores. A maioría son da zona, pero hainos repartidos polo mundo adiante.

Santiago Pimentel, picadiscos de Danzalia Pimentel Santiago: "Desde Arabia Saudita, California, Suíza, Francia, emigrantes de aquí, pero que están en Francia, Suecia, A Arxentina e de moitísimos países".

Afeitos á vida nocturna, cunha discoteca móbil e máis un pub como negocios, o confinamento deixou esta parellla sen actividade, confinados nunha pequena aldea, A Somoza, nunha vivenda a medio facer.

Verónica Martínez, speaker de Danzalia Pimentel Santiago: "A miña sogra dorme abaixo, he, he. Que sempre a mencionamos, xa todo o mundo a coñece pola 'señora da vasoira'. Podiamos facelo desde o pub, pero, ao haber toque de recollida, ou xente que che apareza na porta".

Fan dúas sesións semanais, a do vermú, os domingos ao mediodía, e a do sábado noite, a orixinal, a que os catapultou ata milleiros de persoas recluídas nos seus fogares polo toque de retirada.

Santiago Pimentel, picadiscos de Danzalia Pimentel Santiago: "É virtual, pero a xente interactúa no Facebook, fan coma se estivesen na barra do bar: vaslles poñendo música, uns toman algo con nós, outros non, outros mándannos vídeos bailando...".

A sesión nocturna vén durando dúas horas. Coma no pub, hai horario de peche, e tamén tema de despedida. As luces acéndense coa Muiñeira de Chantada.

Noticias web

08/04/2021