CRTVG

Buscar

Unha parella de escoceses queda a vivir en Manselle tras pasar alí o confinamento

Publicado o 29/12/2020 17:48

A aldea de Manselle, concello de Dodro, conta desde hai uns meses cuns veciños novos moi ilusionados. Son Jane e Eric, unha parella escocesa, xubilado el, chef ela, na que, tras unhas vacacións en Galicia, prendeu a idea de vir vivir aquí. O proxecto acabou facéndose realidade este ano, en boa parte empurrados pola covid, que os pillou aquí e os obrigou a confinarse. Pero sobre todo apurados polo brexit. Os dous aborrecen desa saída de Europa.

"O brexit obrigounos a marchar, a virnos antes de que se fixese realidade porque se non todo ía ser moito máis difícil". "Se non fose por iso -asegura Jane-, teriamos máis tempo para estudar a cultura e a lingua de Galicia, pero o brexit forzounos a mudarnos ás présas".

E case sen deterse mercaron a súa casa, cun terreo de 9.000 metros cadrados onde pensan plantar árbores e ter unha horta. A covid estalles impedindo relacionarse cos veciños, pero están encantados porque atoparon o que buscaban.

"Tranquilidade -di Jane- e sentido da comunidade. Vivir nunha aldea onde os veciños se axudan entre eles e son amistosos".

O mal tempo e a chuvia de Galicia impórtalles pouco ou nada. "É mellor que en Escocia", din entre risas.


 

Noticias web

29/12/2020