CRTVG

Buscar

Unha parella centenaria comparte vida dende hai máis de 80 anos

Publicado o 10/02/2021 16:33

Carmen Comesaña ten 102 anos de idade, e Lucho Davila, 100 anos e tres meses como lle gusta matizar. Son de Vigo e levan máis de 80 anos navegando xuntos pola vida, agora desde a residencia de maiores DomusVi de Bembrive. Ante estas cifras é probable que queira saber como se consegue tanta durabilidade en saúde e en matrimonio.

"Que sei eu. Vaite ti a saber. Non é porque estea diante, era bastante boa", asegura Lucho. "Eu que sei. Agora é distinto, como traballan fóra home e muller. E antes, a muller quedaba na casa", reflexiona Carmen.

Lucho amosa a súa satisfacción co momento actual e Carmen lembra que na súa familia hai certa traxectoria de lonxevidade.

"Na miña familia, miña nai morreu con 90 anos, outra con 97, outra aos 94 e así". "Estamos bastante ben dentro do que cabe", engade o seu home.

Polo que nos contan traballaron ben e o seu tempo de lecer desfrutábano na sala do cinema Fraga e na de baile Las Cabañas.

"Nós na fin de semana iamos ao cine e a bailar. O sábado ao cinema e o domingo, a bailar", conta Lucho.

Un dos dous dous fillos que tiveron, tres netos e dez bisnetos son o máis próximo da súa familia. Todos desexando a fin da pandemia e poder visitalos na residencia. A Lucho gústalle falar de fútbol, co seu fillo tamén Lucho, que xogou no Barça, no Pontevedra de primeira e no Celta. Fálanos da boa saúde e da vida complementaria que tiveron e teñen os seus proxenitores.

"Creo que meu pai se operou dunha hernia, nada máis. Non tivo nada máis e miña nai, ningunha. Miña nai sempre estivo pendente del toda a vida, pero agora creo que é meu pai quen está pendente permanentemente dela. Vese que ela non pode, está pendente e axuda. E iso é bonito", conclúe.

Noticias web

10/02/2021