CRTVG

Buscar

Ordenan o ingreso en prisión dos sete detidos no barco que transportaba 1.500 quilos de cocaína

Publicado o 21/05/2019 20:03

Apresado preto das Canarias un pesqueiro sen bandeira que transportaba tonelada e media de cocaína de gran pureza.

É tonelada e media a que requisaron neste buque, en total 1.500 quilos. Trátase dun alixo de gran pureza que navegaba nun pesqueiro sen bandeira procedente do Brasil. Cando o abordaron a poucas millas das Canarias en augas internacionais, os axentes da Policía Nacional e da Armada atoparon a droga e detiveron os sete ocupantes da embarcación. Todos ingresaron xa en prisión por orde do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo que coordinou toda a operación. O barco chegou hoxe ao porto das Palmas. 

O barco foi localizado en augas internacionais e abordado por un buque da Armada coa información facilitada polo Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado da Policía Nacional en Galicia, o Greco. No seu interior, os GEO da Policía Nacional e a Armada atoparon os 1.500 quilos de cocaína de gran pureza que, no mercado negro, podería multiplicar os beneficios. A droga estaba a piques de ser transbordada a outro barco.

Emilio Rodríguez, xefe do Greco Galicia: "A investigación está aberta e estamos intentado localizar o barco que está xa case identificado e que ía recibir a droga".

A pureza é do 80 por cento, pero cando sae ao mercado véndese cunha pureza do 20 ou 30 por cento, segundo os cálculos da Policía. A droga partira do Brasil e a tripulación, formada por sete persoas que foron detidas, coñecía o cargamento e o destino. Todos ingresaron xa en prisión, pero a operación segue aberta para localizar máis implicados.

Emilio Rodríguez, xefe do Greco Galicia: "É un grupo internacional. Falamos do grupo galego que se centra no transporte, pero o que organiza a operación é un grupo globalizado".

A operación foi coordinada polo Xulgado de Instrución número 4 de Vigo e nela colaboraron tamén as policías portuguesa e británica.


 

 

Noticias web

21/05/2019