Unha ONG expón en Lisboa mobles fabricados con madeira queimada nos incendios
Esta mesa chamada Ignis, 'incendio' en latín, quedaría fantástica no seu salón, non cre? E que opina do banco Devastio, é todo un éxito de vendas… Non soa ben, verdade? É unha idea escura, cando menos. Pois na penumbra, na tristeza dos danos do lume descansan os mobles feitos pola ONG ecoloxista World Wild Fund Portugal como unha chamada de socorro da natureza ante os incendios intencionados. Pyros Collection foi creada con madeira queimada con deseños do arquitecto Nuno Lacerda e que podemos ver no espazo lisboeta Coletivo 284.
No que vai de ano en Portugal arderon 66 mil hectáreas de monte, como este en Guimarães. Foron case 10 mil lumes por todo o país. Pero a pandemia tamén influíu nestes datos, xa que houbo menos incendios que na media dos últimos 10 anos, concretamente a metade.
Non hai que esquecer que 66 persoas morreron no verán 2017 nos terribles incendios do centro de Portugal. Coa Pyros Collection faise unha homenaxe na súa honra, a canda a que se fai tamén á natureza que tanto sofre en Galicia a causa dos lumes ano tras ano.