CRTVG

Buscar

Unha nova protesta contra a violencia policial en Atenas deriva nunha batalla campal

Publicado o 09/03/2021 23:33

Unha protesta multitudinaria contra a violencia policial derivou este martes en Atenas nunha batalla campal entre manifestantes e forzas de seguridade na que foron feridas varias persoas. Os altercados tiveron lugar no suburbio de Nea Smyrni, onde máis de 5.000 persoas marcharon ata a comisaría de policía para denunciar as múltiples agresións policiais vividas nos últimos días.

Os manifestantes portaban pancartas coa frase "Dóeme!", o berro que un mozo lanzou repetidamente o pasado domingo mentres era brutalmente agredido por un axente, un suceso que indignou ao país. "A pandemia non se termina con represión" ou "Fóra policías dos nosos barrios" eran outras das reivindicacións que se podían ler nas pancartas dunha manifestación que comezou pacificamente e acabou en violencia por ambas as partes despois de que algúns manifestantes comezasen a queimar contedores e lanzar cócteles molotov contra a comisaría.

A Policía contestou con gases lacrimóxenos, granadas de atordamento e canóns de auga, e, de momento, detivo dez persoas. Segundo medios locais, un axente foi gravemente ferido, supostamente tras ser golpeado repetidamente ao atoparse só. A ambulancia que acudiu a socorrelo tardou máis de 20 minutos en chegar. Algúns medios informan así mesmo dun fotoperiodista e outros tres policías feridos leves.

"A vida do novo policía que estivo en perigo debe ser unha chamada de atención. Neste momento, o control e a compostura de todos deben prevalecer. Diríxome especialmente aos nosos mozos, que están destinados a crear, non a destruír. A rabia cega non leva a ningunha parte", reaccionou o primeiro ministro Kyriakos Mitsotakis, e asegurou que non permitirá que prevaleza a división.

Mitsotakis discutiu hoxe a situación co profesor de Dereito Constitucional Nikos Alivizatos, quen hai mais dun ano abandonou a presidencia dunha comisión para investigar a violencia policial porque, como revelou onte, había "falta de interese no Goberno por responsabilizar os culpables". Os incidentes de Nea Smyrni o domingo comezaron cando varios axentes multaron sen motivo dúas familias con nenos que paseaban e as acusaron de violar as medidas de confinamento contra a covid−19, a pesar de que levaban máscara e enviaran a mensaxe de texto obrigatoria para avisar do desprazamento.

Algúns veciños que viron o que estaba a ocorrer protestaron e os axentes agredíronos con porras. Un dos vídeos tomados por persoas que presenciaron o ataque mostra un axente utilizando unha porra pregable metálica, prohibida en Grecia, segundo confirmou un representante sindical da Policía á televisión privada MEGA, que definiu o suceso de "vergoña para toda a Policía".

Mentres un grupo de sindicalistas afirmou que os axentes en cuestión "seguían ordes de arriba", a postura oficial da policía foi negar os feitos e asegurar que os axentes se defenderon do ataque dun grupo de encarrapuchados. O ministro de Protección Cidadá Mijalis Jrisojoidis condenou a "violencia inxustificada" e prometeu unha investigación interna, pero un novo incidente que foi gravado en Atenas a noite do luns seguiu alimentando a indignación cidadá.

No vídeo, tomado desde un balcón, vese como varios policías en moto perseguen mozos que protestaban polo ocorrido en Nea Smyrni e paran a esnaquizar o faro dun coche aparcado sen motivo aparente, algo que moitos cren que fixeron para culpar despois de desfeitas aos manifestantes. A tensión e os actos de violencia foron aumentando desde o pasado venres, cando a Policía dispersou no centro de Atenas unhas 300 persoas que preparaban unha manifestación en apoio ao folguista de fame Dimitris Kufondinas, un dos líderes do desaparecido grupo terrorista 17 de Novembro, cuxo estado de saúde é moi delicado.

O sucedido estes días levou á Fiscalía de Atenas a abrir unha investigación sobre a violencia policial e xerou un aluvión de críticas da oposición. O venres, o primeiro ministro debe responder a unha interpelación parlamentaria do principal líder da oposición, Alexis Tsipras. A conservadora Nova Democracia gañou no verán de 2019 as eleccións parlamentarias coa promesa de impoñer a lei e a orde con man férrea. Segundo afirmou recentemente o Defensor do Pobo Andreas Potakis, no último ano o número de denuncias de violencia policial aumentou nun 75 %.

Noticias web

09/03/2021