CRTVG

Buscar

Unha nova noite de botellón remata con 15 detidos en Barcelona

Publicado o 02/10/2021 20:39

A vixilancia policial non conseguiu evitar unha nova noite de botellóns e aglomeracións en Barcelona e Bilbao. Na capital catalá os axentes tiveron que intervir para dispersar os concentrados que responderon tirando obxectos contundentes. A noite saldouse con 15 detidos.

Non foron 40.000 persoas coma a fin de semana pasada, pero os Mossos d'Esquadra e a Garda Urbana non conseguiron evitar que miles de mozos celebrasen botellóns nocturnos na praia da Barceloneta e en Sarrià. A deste barrio barcelonés, que celebraba a súa festa maior, foi a máis numerosa.

Os axentes tiveron que intervir para desaloxar os concentrados. Algúns responderon botándolles obxectos contundentes, incluída unha motocicleta. A festa saldouse con quince detidos e varios feridos leves, entre os que hai dous policías. Os axentes identificaron algúns dos implicados como delincuentes habituais que aproveitan as aglomeracións para roubar.

Tamén houbo incidentes en Bilbao cando a Ertzaintza dispersou os concentrados nunha céntrica zona de bares da cidade. E tamén aquí houbo lanzamento de botellas contra os axentes, que detiveron cinco persoas. En Madrid non houbo macrobotellóns pero a Policía dispersou un grupo de persoas na praza do Dous de Maio pola súa actitude violenta.

Noticias web

02/10/2021