CRTVG

Buscar

Unha nova borrasca trae avisos por fortes refachos de vento, chuvia e ondada

Publicado o 18/12/2020 22:02

A xornada deste venres comezou con fortes ventos do sur que están a atravesar Galicia de oeste a leste. Os avisos estendéronse por todos os municipios costeiros con refachos máximos que roldaron os 120km/h en Viveiro e Cedeira. Tamén no interior das provincias de Pontevedra e da Coruña zoou o vento, é o caso de Vimianzo onde se acadaron refachos máximos superiores aos 100 km/h.

Amais de fortes ventos, o paso desta fronte moi activa deixou pola tarde chuvias intensas que afectaron principalmente a zona do litoral comprendida entre a Costa da Morte e A Guarda onde se activou un aviso por acumulación de máis de 15 l/m2 nunha hora.

A partir de agora a situación no mar tamén vai emporar. O mar de fondo deixou esta tarde ondas de máis de 4 metros e medio en cabo Silleiro e cabo Vilán. A partir da medianoite activarase un aviso laranxa por ondas que poden superar os 5 metros no litoral das provincias de Pontevedra e da Coruña.

 As áreas termais de Ourense están anegadas 

As áreas termais de Ourense, asolagadas pola enchente do río Miño. A chuvia acumulada nos últimos días fixo desaparecer case por completo as pozas. De momento segue prohibido bañarse nesta zona polas restricións contra a covid, aínda que hai quen salta a prohibición mesmo nestas circunstancias.

 

 

 

Noticias web

18/12/2020