CRTVG

Buscar

Ingresada na UCI en Vigo por primeira vez en Galicia unha menor de 10 anos con covid

Publicado o 07/03/2021 17:57

• A pequena evoluciona de xeito favorable, pero padece unha síndrome inflamatoria rara

Unha nena de nove anos permanece ingresada na unidade de críticos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo contaxiada de coronavirus cunha síndrome rara. A pequena, que evoluciona de xeito favorable, padece a síndrome inflamatoria sistémica relacionada coa COVID−19 coñecida como SIM-PedS.

Os médicos mesmo agardan que a nena poida abandonar a unidade de críticos nos próximos días. A maioría das infeccións por covid−19 en pequenos son leves. Aínda que esta síndrome que padece a pequena ingresada no Cunqueiro pode dar lugar a un cadro grave de shock e miocardite ou tamén a enfermidade de Kawasaki, un shock tóxico ou unha sepse.

Esta síndrome xa se deu en polo menos catro cativos de Galicia nas áreas da Coruña e Santiago. Todos eles curaron. E aínda que comparte coa covid−19 síntomas ten algúns doutro signo.