CRTVG

Buscar

Unha nena de 12 anos, grave ao ser atropelada por un camión en Poio

Publicado o 03/06/2019 23:55

O accidente producíase arredor das 8 e media da mañá, cando a rapaza ía camiño ao seu centro escolar. Atravesaba correctamente esta avenida da Barca, á entrada de Poio, polo paso de peóns regulado por semáforo, cando un camión a atropelou. Saíu rebotada contra un turismo que circulaba en sentido contrario e este empurrouna de novo debaixo do camión, onde quedou atrapada. Foi precisa a intervención dos bombeiros de Pontevedra para liberala.

Vicente Ferrerías, o sarxento xefe do Servizo de Extinción de Incendios de Pontevedra explica o que atoparon ao chegar ao lugar do accidente: "Hai unha menor que está debaixo dun camión de transporte de mercancías, e ao que se procede e a, cun coxín pneumático, elevar ese vehículo no eixo traseiro para poder proceder a extraer a menor e, cun taboleiro espiñal, unha vez inmobilizada, sacala ao exterior para que o 061 se faga cargo e a traslade a un centro sanitario".

Nun principio a nena foi trasladada ao Hospital Provincial de Pontevedra e de aí derivárona ao Clínico de Santiago, con prognóstico reservado. O accidente reactivou as protestas dos veciños da zona, que levan tempo denunciando a perigosidade deste treito da estrada para os péons.

Un veciño explica que xa escribiu varias veces ao Concello para denunciar a conflitividade deste treito da estrada. Asegura que o habitual é que salten o semáforo ou que non o respecten cando está intemitente, tendo en conta que é o treito con maior densidade de tráfico de Galicia.

Outra veciña asegura que o venres case a atropelan e que ninguen respecta os pasos de peóns. Di que le va moito loitando por que poñan algo nos pasos de peóns que os obrigue a frear.

Para evitar accidentes coma o de hoxe propoñen medidas como a instalación de bandas que obriguen os condutores a reducir a velocidade.

 

Noticias web

03/06/2019