Unha nai agride cun coitelo, á porta do colexio en Vigo, un compañeiro da filla
Detida en Vigo unha nai que acudiu á entrada dun centro escolar armada cun coitelo para atacar supostamente un compañeiro da súa filla.
Ocorreu na rúa Tomás Alonso. Os feitos producíronse sobre as 8 e cuarto da mañá. A nai, supostamente, encarouse co rapaz de 13 anos, chegando a ameazalo co coitelo, ao parecer debido a un conflito que este neno tiña coa súa filla, estudante de primeiro da ESO.
Dende o propio colexio alertaron as forzas de seguridade, e ata o lugar trasladáronse varios axentes da Policía Nacional e unha ambulancia. O rapaz, vítima da agresión e compañeiro de clase da filla da suposta atacante, recibiu atención médica e déronlle varios puntos.
Varias testemuñas declararon ante os policías que previamente ao suceso viron como a muller lle gritaba moi alterada ao menor. Os axentes detivérona pouco despois nas inmediacións do centro e retiráronlle o bolso en que supostamente levaba o coitelo.
Está previsto que a arrestada pase a disposición xudicial nas próximas horas.