Hospitalizada unha muller en Lugo por intoxicación tras un incendio na súa vivenda
A intervención dos veciños foi decisiva para evitar que o incendio que arrasou esta vivenda da rúa Pardo de Cela de Lugo tivera consecuencias peores. O lume comezou na parte baixa e deixou illada no andar superior a propietaria da casa, de 80 anos de idade. O dono do inmoble lindeiro achegou unha furgoneta á ventá do cuarto da muller e, subindo ao teito do vehículo, conseguiu sacala e salvarlle así a vida cando as lapas xa chegaran ao cuarto. Os outros veciños utilizaron mangueiras para tentar apagar o incendio e conseguiron evitar que se espallara ás casas lindeiras mentres agardaban pola chegada dos bombeiros.
José Luis Lamas, veciño dos afectados: "Eu sentín berrar e cando vin o que pasaba xa collín a mangueira para axudar. Foi Manolo quen salvou a señora grazas á furgoneta".
A muller foi trasladada ao hospital para tratala dunha intoxicación leve por fume, pero non padeceu queimaduras nin outras lesións. O marido saíra da casa unha hora antes de que se declarara o incendio e non se decatou do que acontecía ata o seu regreso. As lapas prenderon con facilidade nos mobles de madeira e nos electrodomésticos da planta baixa e en poucos minutos o fume invadiu toda a vivenda e o lume subiu polas escaleiras, tamén de madeira, cara ao andar superior. Por fortuna, o incendio comezou ás sete da mañá, cando algúns veciños xa estaban espertos e puideron reaccionar a tempo.
"Estivemos botando auga pero non había forma de entrar na casa polo fume e a calor. Todos os de aquí axudamos o mellor que puidemos".
A Policía Científica xa se achegou ao lugar do incendio para determinar as causas polas que produciu. Agora será preciso desentullar a casa e limpala a fondo para que os anciáns poidan volver vivir nela.