CRTVG

Buscar

Investigan a caída dunha nena desde un segundo andar dunha vivenda do Carballiño

Publicado o 10/09/2021 16:11

A Garda Civil investiga a caída desde o segundo andar dun edificio no Carballiño dunha menor, de 14 anos, que se atopaba con outro adolescente. Supostamente, o menor, de 13 anos, golpeouna cun obxecto na cabeza, tras o que ela se precipitou, segundo relataron fontes da investigación que tratan de esclarecer os feitos.

O suceso aconteceu pouco antes das oito da tarde deste xoves e foi o menor quen alertou o 112 de que a rapaza caera desde o segundo andar e estaba ferida. Fontes da investigación, citadas por EFE, aseguran que nesa chamada aseguraba que "matara á súa amiga" e que a golpeara porque "quería saber o que se sente".

O feito púxose en coñecemento da Policía Local e do 061, tras o que se mobilizou un helicóptero medicalizado ao lugar. A nena foi trasladada ata o Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), onde permanece ingresada en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos.

A Garda Civil foi informada do acontecido e os efectivos desprazados ata o lugar atoparon o mozo ferido. Agora tratan de aclarar se a rapaza caeu porque a empurraron ou se foi fuxindo da agresión.

A Fiscalía de Menores fíxose cargo dos feitos. O suposto autor está ingresado na Unidade de Psiquiatria do CHUO. O rapaz permanece tutelado polos pais, logo de que a Fiscalía de Menores ordenase xa onte que o sometesen a unha primeira valoración psicolóxica.

A principal hipótese apunta a que os menores quedaran esa mesma tarde e que, nun momento determinado, trasladáronse á vivenda do mozo por motivos que non se aclararon. Unha vez alí, el encerraría a vítima e atacaríaa cunha barra de ferro, unha pata de cabra, que foi atopada no domicilio. A partir de aí, investígase se a menor caeu do balcón ao tratar de escapar ou se o presunto agresor puido empuxala.

Paralelamente, trátase de esclarecer se unha ferida leve superficial que presentaba o adolescente no peito e que podería ser realizada cun obxecto punzante foi autoinflixida ou causada pola menor en defensa propia.

Pola súa banda, a Fiscalía de Menores incoou o correspondente expediente de protección de ambos os menores, vítima e presunto autor dos feitos, a fin de determinar se se atopan nunha situación de risco que xustifique a adopción dalgunha medida. Deste xeito, se do informe médico realizado ao mozo se desprende que padece un trastorno de conduta, o fiscal promovería o seu ingreso no centro de menores con trastorno de conduta. En todo caso, as mesmas fontes lembraron que non se pode proceder á apertura dunha causa penal por tratarse de menores de 14 anos.

O concello do Carballiño convocou para este sábado unha concentración cidadá en sinal de repulsa por tan macabro suceso. Esta acción foi fixada para as 11:00 horas na praza maior coa finalidade de “expresar a consternación e repulsa polo grave suceso de violencia ocorrido onte na nosa vila”, sinalaron na nota enviada desde o consistorio. 

 

Noticias web

10/09/2021