CRTVG

Buscar

Unha muller queda ferida grave tras sufrir unha caída na fervenza de Segade, en Caldas

Publicado o 26/07/2019 17:22

Os servizos de emerxencias tiveron que acudir ao auxilio dunha muller que quedou ferida de consideración despois de sufrir unha caída na fervenza de Segade, en Caldas de Reis. Foi un particular quen alertou do sucedido ao 112, indicando ademais que a muller presentaba un forte golpe na cabeza.

"Recibimos unha chamada do 112 para rescatar unha muller que caera nunha fervenza. Acudimos porque, ao estar lonxe da ambulancia, era necesaria bastante xente para o rescante", di Roi Santalla, membro do GES de Valga.

Cando os membros do GES de Valga chegaron ao lugar, a vítima xa fora trasladada á ambulancia. Zonas de interior como a fervenza de Segade son frecuentadas en verán na busca dun lugar onde refrescarse e combater as altas temperaturas. Con todo, ao igual que na praia, non debemos esquecer os riscos aos que nos expoñemos.

"Caídas ao non levar o calzado axeitado e que non observamos o terreo", asegura Santalla.

Do mesmo xeito, debemos extremar as precaucións tanto á hora do baño como se damos un paseo. Entre outras recomendacións, tamén debemos lembrar a necesidade de non acudir sós, levar un teléfono móbil coa batería cargada e chamar o 112 no caso de producirse un accidente.

Noticias web

26/07/2019