Falece unha muller nun incendio en Pontevedra provocado por unha manta eléctrica
Un veciño da avenida de Vigo, en Pontevedra, foi o que deu a voz de alarma cando comezou a sentir un forte cheiro a queimado. Eran sobre as catro da mañá. Cando chegaron os bombeiros, o interior da vivenda estaba ateigado de fume.
Segundo Manuel Omil, Voceiro da Policía Local de Pontevedra, "no interior estaba todo cheo de fume, coas luces apagadas. E nunha revisión, porque sabiamos que se podía atopar unha muller no interior, os bombeiros atópana nun baño, inconsciente. Sácana para fóra, e unha unidade do 061 tratou de reanimala, pero foi totalmente inviable".
A vítima é unha muller de 74 anos que vivía soa. Apareceu inconsciente nun baño e os servizos médicos xa non puideron facer nada para salvarlle a vida. A orixe do sinistro apunta a un curtocircuíto eléctrico.
"Semella que todo prodúcese por un curtocircuito nunha especie de manta eléctrica que tiña esta muller no salón, e os primeiro indicios apuntan a que puido ser o que produciu o incendio", indica o voceiro da Policía Local de Pontevedra.
O fume afectou ao resto de vivendas do edificio, aínda que ningún veciño precisou de atención médica. Os primeiros indicios sinalan a que a vítima faleceu por inhalacion de fume.
#AXEGAInforma dunha muller falecida en #Pontevedra despois de producirse un incendio na súa vivenda situada na avenida de Vigo. Ademais dos servizos sanitarios interviñeron os #Bombeiros de Pontevedra e os axentes da Policía Local. pic.twitter.com/ncPMJkgUZl
— 112Galicia (@112Galicia) January 30, 2021