CRTVG

Buscar

Unha muller aparece morta na súa vivenda, en Lugo, en condicións insalubres

Publicado o 16/09/2021 13:08

Unha muller de 57 anos apareceu morta no seu piso, no barrio lugués de Fingoi. Levaba dous días sen vida e estaba deitada na cama, mentres que a súa nai, de 97 anos, estaba tirada no chan. Tras botárena en falta familiares e veciños, a policía accedeu á vivenda cun cerralleiro e acudiron tamén os sanitarios, que ingresaron a nonaxenaria no hospital Lucus Augusti.

"Cando cheguei, xa estaba todo en movemento, e unha veciña da mesma planta comentoume a situación, que levaba varios días sen contestar ao teléfono, non sabía nada dela e o can estaba dentro ladrando. Logo chegou a policía, que intentaron abrir a porta e estiveron aquí bastante tempo". "Viñeron a policía, o cerralleiro e o furgón da funeraria. E veu tamén unha ambulancia do 061 medicalizada", explican os residentes no mesmo edificio.

Os servizos de emerxencias que acudiron ata o lugar topáronse con que a vivenda se encontraba en condicións insalubres. De feito, crese que a falecida podería sufrir algún trastorno de conduta.

"Ela era unha señora un pouco especial. Onte, de feito, viñeron unhas sobriñas e dixeron que tiña como síndrome de Dióxenes. Eu víaa a ela cunhas pintas un pouco estrañas pero non sabía iso. Ela baixaba todas as mañás cedo a pasear o can e subía rápido para xunta a nai. Logo ía facer a compra, rápido tamén, e estaba encerrada. De feito, á casa non entraba ninguén", sinala unha veciña.

Tocante á cadela da muller falecida, a Protectora de Animais de Lugo vaise facer cargo dela.

Noticias web

16/09/2021