CRTVG

Buscar

Unha muller acepta seis anos de prisión por intentar incendiar o edificio en que residía en Vigo

Publicado o 25/09/2019 13:05

A muller que tratou de incendiar o edificio en que residía no centro de Vigo recoñeceu os feitos e aceptou a pena de seis anos de prisión por un delito de incendio con grave perigo para a vida e a integridade das persoas. Foi na vista de conformidade que se celebrou na sección quinta da Audiencia Provincial en que se ratificou o acordo previo ao que chegaron as partes nesta causa.

A sentenza supón unha rebaixa da pena para a acusada. O Ministerio Fiscal solicitaba dez anos de prisión pero na gradación da condena tívose en conta a atenuante moi cualificada de intoxicación etílica. Os feitos que se xulgaban en Vigo remóntanse á mañá do 14 xuño do ano pasado, cando a muller amoreou panos, teas e outros obxectos no chan da cociña e prendeulles lume antes de saír da casa e deixar a porta aberta.

Sucedeu nun edificio da rúa Elduayen, onde vivía de alugueiro coa súa parella coa que, segundo os veciños, mantivo unha forte discusión antes do incendio. Ademais da mobilización dos bombeiros e da Policía Local, o lume obrigou ao desaloxo de cinco persoas, unha delas menor de idade.

O incendio causou importantes danos polos que a acusada tamén foi condenada ao pago de indemnizacións próximas aos 50.000 euros que deberá aboar a dúas asegurados e a un veciño do inmoble. Para a fiscalía a muller tivo o propósito de causar dano a pesar de estar baixo os efectos do alcol. Leva en prisión provisional dende xuño de 2018, tempo que será descontado da condena que lle acaba de impor o maxistrado encargado do caso. 

Noticias web

25/09/2019