Unha moza de Ribeira denuncia unha agresión sexual na rúa
Os feitos sucederon en Ribeira, na madrugada do sábado ao domingo, sobre as 5 da mañá, no barrio de Bandourrío.
Segundo fontes próximas á investigación, a vítima, unha moza duns vinte anos, estaba gozando dunha noite de festa, cando ao desviarse por unha rúa con pouca visibilidade, se atopou co presunto agresor.
O home abalanzouse, supostamente, sobre ela, facéndolle varios tocamentos, ata que finalmente ela logrou fuxir e refuxiarse nun dos bares da zona.
Vixilancia e maior presenza policial. É o que reclaman moitos dos veciños do barrio, que denuncian problemas habituais de inseguridade.
Ata a zona onde tiveron lugar presuntamente os abusos sexuais, desprazouse unha patrulla da Policía Nacional de Ribeira e unha ambulancia, que lle prestou axuda médica á moza agredida e a trasladou ao hospital do Barbanza. Posteriormente a vítima acudiu á comisaría para denunciar o sucedido. A policía abriu unha investigación para aclarar os feitos e localizar o presunto agresor.