Unha moza de 18 anos denuncia en Lugo un intento de agresión sexual
Unha moza sufriu un intento de agresión sexual na contorna do Campus de Lugo. A vítima, de 18 anos, volvía do traballo sobre as catro e media da tarde cando se decatou de que a seguía un home pola avenida de Madrid. Segundo denunciou na comisaría, o agresor logrou alcanzala e agarrala pola cintura. Daquela, empuxouna cara a un camiño sen asfaltar que dá acceso a unha vivenda e que se encontra protexido pola vexetación. Alí, propinoulle varias puñadas, que lle deixaron un negrón nun ollo e mazaduras na cara.
Como resultado dos golpes, caeu no chan; nese momento, o asaltante aproveitou para abalanzarse sobre a moza, que se defendeu como puido. Finalmente, o home acabou por desistir e escapou correndo. Co fin de dar co autor dos feitos, a policía realiza agora unha investigación, que se encontra baixo segredo de sumario.
Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo: "Tanto a policía científica como a xudicial están recadando todos os datos posibles para a identificación desa persoa que puido cometer este ilícito penal. Esta mañá váiselle volver tomar declaración á vítima, e esperamos que en breve se poida ter identificada esa persoa".
Segundo a descrición da vítima, que tivo que ser atendida das lesións no HULA, o agresor é un home alto, forte e de mediana idade.